Felices e merecidas vacacións !
Comezamos cantando e movendo o esqueleto con Gemola, que marcha! 💃
Despois desfrutamos do bo tempo con xogos ao aire libre: colchonetas, xogos de "mesa / campo", tatuaxes, etc. Foi ben divertido! 🌈
Graciñas, ANPA, por facer posible este gran último día do curso!
👏👏👏
O pasado xoves, 5 de xuño, tivemos a visita de varios membros do distrito forestal de Ferrol. Utilizando un conto dos Bolechas, explicáronnos datos moi interesantes sobre os incendios e as tarefas e equipamento necesarios para a súa importante labor, protexer a biodiversidade dos bosques.
Aínda que o tempo non acompañou, aproveitouse tamén para plantar dúas novas árbores no patio, un carballo e máis unha faia.
Que as árbores sempre formen parte das nosas vidas!
Graciñas a todo o equipo e, en especial, a Martín.
Este ano tocaba homenaxear á tradición oral, ás cantareiras. As súas cantigas foron pasando de xeración en xeración contribuíndo a manter viva a nosa lingua e cultura.
Logo de investigar un pouquiño na aula sobre o tema, tivemos a oportunidade de disfrutar en directo do talento do grupo de baile galego e pandeireta das clases extraescolares. Tan ben o fixeron, que nos pareceu boa idea que a cantiga chegase a todas as vosas casas por medio do chaveiro impreso en 3D e do código QR que o acompañaba.
Graciñas a Carlos, Bea, Jose e David pola vosa música. Canto bailamos!
E por suposto, graciñas ás nosas cantareiras máis especiais de 1º ciclo: Leila, Sabela, Natalia, Irene, Ángela e Tamara.
👏👏👏👏
Hoxe tivemos unha ansiada visita: Paula Carballeira, a autora do libro que tanto nos gustou ler e comentar en conxunto na aula, "A tartaruga Amodovou".
Disfrutamos moito coas historias que nos contou e axiña nos cautivou coa súa extraordinaria forma de narralas e de facernos formar parte delas. Ademais, asinou cada un dos nosos libros con dedicatoria incluída. Que ilusión!
Pola nosa parte, ensinámoslle o traballiño que fixemos entre todo o alumnado do colexio, unha pequena historia dramatizada a partir das personaxes das obras escollidas por Cusco. E cremos que lle encantou! No blog da Biblio poderedes saber máis sobre este día, lembrade pasarvos por alí.
Foi unha xornada estupenda.
Gracias, Paula! 👏
A xornada do venres marchamos todos/as do cole para visitar A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Mentres os/as maiores realizaban unha actividade baseada na experiencia sensorial, nós estivemos no edificio da Biblioteca de Galicia, aproveitando que era a semana do libro. Alí explicáronnos de forma breve que tipo de materiais gardaban, como se debían coidar os libros e de que perigos protexelos e ensináronnos algún sistema de arquivo. Ademais, levamos para a casa un pequeno agasallo.👏
Como nos gusta saír de excursión!
No día do libro disfrutamos da actuación de Leo Leíño "Maxia tola e lectora". Graciñas á Biblioteca Municipal da Capela pola invitación. Gustounos moito!
Formas de ler hai moitas, pero as que máis nos gustan nesta clase son as que se comparten. Por iso, cada semana fomos traendo das nosas casas un conto que nos resultaba especial para ler en boa compañía.
O pasado 20 de marzo desprazámonos a Ferrol.
A primeira parada foi para desfrutar dun concerto da Banda do Terzo Norte. Aprendemos sobre os instrumentos que usaban, cos cales interpretaron pezas moi coñecidas para nós. Foi moi divertido e ata ofreceron o papel de director a un dos nosos compis de 3º!
Despois dunha breve parada para o tentempé, continuamos a ruta ata o Museo de Historia Natural, onde a monitora nos contou unha chea de interesantes datos sobre a natureza. A sala de ambiente mariño era espectacular e quedamos abraiados cos esqueletos.
Foi un día xenial. Xa nos tarda a próxima! 👏
O venres, 30 de xaneiro, celebramos o Día escolar da non violencia e a paz.
Canción e baile
Xogos cooperativos
Obradoiro creativo na biblio
O pasado venres desprazámonos a Ferrol, á sede Afundación, para desfrutar da obra "Ninja" de Teatro dos Ghazafelhos xunto cos compis de Infantil.
Esta peza aborda a problemática do acoso escolar a través da historia de Tori, unha nena que quere ser ninja e entrena a diario para pasar desapercibida. Ela descobre outros nenos que queren ser invisibles no colexio para deixar de sufrir acoso e coa axuda do seu veciño, Edelmiro, buscan a forma de dar visibilidade ao que sucede e conseguir cambiar a situación.